Exportacións e Importacións Anuais por produtos

A análise do comercio exterior ourensán amosa que sete grupos de produtos tiveron en 2016 un crecemento interanual superior ao 20%, mentres que só dous cederon demanda a ese ritmo, o que confirma a puxanza actual das exportacións das empresas ourensás. As mercadorías con mellor evolución no conxunto do ano, en comparación con 2015, foron a madeira e as súas manufacturas, que medraron un 50,8% e incrementaron o volume de negocio en 13,25 millóns de euros; os vexetais (alza do 44,5%); as pastas da madeira, celusosas, cartón e papel (43,6%); as graxas e aceites animais ou vexetais (35,8%); os aparellos de óptica, mediciña ou cirurxía e máis os de control e precisión (31,2%); o calzado (28,3%); e os produtos minerais (20,6%).
Mentres, a peor evolución en taxa interanual deuse no epígrafe dos metais comúns e as súas manufacturas (-39,5%) e no grupo xeral das mercadorías e produtos diversos (-30,7%). Noutras catro categorías de exportacións, os descensos movéronse na franxa do -14% ao -17,5%. Foron os casos dos materiais plásticos (-14,6%), do sector téxtil (-14,9%), dos produtos das industrias químicas (-17,2%) e dos produtos do reino animal e animais vivos (-17,5%). O debilitamento do sector téxtil cuantificouse en 2016 nun descenso das vendas ao exterior por valor de 13,5 millóns de euros e o dos produtos do reino animal e animais vivos en 12,8 millóns. Sen embargo, o maior diferencial negativo correspondeu aos metais comúns e manufacturas, por importe de 14,3 millóns.
Con todo, a estrutura do sector exterior da provincia de Ourense non mudou significativamente no último ano, segundo a análise do Observatorio Económico. A cuarta parte das exportacións totais segue sustentada no sector da pedra natural, que cedeu preto dun punto porcentual no peso relativo sobre o conxunto das vendas. O segundo grupo no que se concentra a internacionalización das empresas da provincia é o das máquinas e aparellos, material eléctrico, son e equipos para televisión, que pondera un 14,5%, logo de avanzar preto de 1,5 puntos no último ano. Pola súa banda, o téxtil cedeu a cota do 10%, tras sufrir un retroceso de 1,8 puntos. No cuarto lugar por volume exportador xa figura o material de transporte, que move o 8,8% do total (creceu un punto porcentual) e adianta ao grupo dos produtos do reino animal e animais vivos (7,7%), que en 2016 acusou unha baixada de 1,1 puntos en peso relativo.         Outra novidade é que a madeira e as súas manufacturas incorpóranse aos sectores que ponderan con máis do 5%, chanzo no que tamén están as peles e coiros (5,7%) e ao que poderían sumarse en 2017 os produtos vexetais, que seguindo o planeamento estratéxico da provincia están a manter unha excelente progresión: gañaron 1,4 puntos porcentuais no último ano e xa impulsan o 4,4% das exportacións ourensás, cun volume de 34,5 millóns de euros en 2016.

I ANIMAIS VIVOS E PRODUTOS DO REINO ANIMAL
II PRODUTOS DO REINO VEXETAL
II GRAXAS E ACEITES ANIMAIS OU VEXETAIS; PRODUTOS DO SEU DESDOBRAMENTO; GRAXAS ALIMENTICIAS ELABORADAS; CERAS DE ORIXE ANIMAL OU VEXETAL
IV PRODUTOS DAS INDUSTRIAS ALIMENTICIAS; BEBIDAS, LÍQUIDOS ALCOHÓLICOS E VINAGRE; TABACO E SUCEDÁNEOS DO TABACO ELABORADOS
V PRODUTOS MINERAIS
VI PRODUTOS DAS INDUSTRIAS QUÍMICAS OU DAS INDUSTRIAS CONEXAS
VII MATERIAS PLÁSTICAS E MANUFACTURAS DESTAS MATERIAS; CAUCHO E MANUFACTURAS DE CAUCHO
VIII PELES, COIROS, PELETERÍA E MANUFACTURAS DESTAS MATERIAS; ARTIGOS DE GUARNICIONERÍA OU DE TALABARTERÍA, ARTIGOS DE VIAXE, BOLSOS DE MAN E CONTINENTES SEMELLANTES; MANUFACTURAS DE TRIPA
IX MADEIRA, CARBÓN VEXETAL E MANUFACTURAS DE MADEIRA; CORTIZA E MANUFACTURAS DE CORTIZA; MANUFACTURAS DE ESPARTERÍA OU DE CESTERÍA
X PASTAS DE MADEIRA OU DOUTRAS MATERIAS FIBROSAS CELULÓSICAS; REFUGALLO E DESPERDICIOS DE PAPEL OU CARTÓN; PAPEL E AS SÚAS APLICACIÓNS
XI MATERIAS TÉXTILES E AS SÚAS MANUFACTURAS
XII CALZADO; SOMBREIRERÍA, PARAUGAS, ANTUCAS, BASTÓNS, LÁTEGOS, FUSTAS E AS SÚAS PARTES; PLUMAS PREPARADAS E ARTIGOS DE PLUMAS; FLORES ARTIFICIAIS; MANUFACTURAS DE CABELO
XIII MANUFACTURAS DE PEDRA, XESO, CEMENTO, AMIANTO, MICA OU MATERIAS ANÁLOGAS; PRODUTOS CERÁMICOS; VIDRO E MANUFACTURAS DE VIDRO
XIV PERLAS FINAS OU CULTIVADAS, PEDRAS PRECIOSAS E SEMIPRECIOSAS OU SEMELLANTES, METAIS PRECIOSOS, CHAPADOS DE METAIS PRECIOSOS E MANUFACTURAS DESTAS MATERIAS; XOIERÍA DE FANTASÍA; MOEDAS
XV METAIS COMÚNS E MANUFACTURAS DESTES METAIS
XVI MÁQUINAS E APARELLOS, MATERIAL ELÉCTRICO E AS SÚAS PARTES; APARELLOS PARA A GRAVACIÓN OU A REPRODUCIÓN DE SON, APARELLOS PARA A GRAVACIÓN OU A REPRODUCIÓN DE IMAXES E SON EN TELEVISIÓN, E AS PARTES E ACCESORIOS DESTES APARELLOS
XVII MATERIAL DE TRANSPORTE
XVIII INSTRUMENTOS E APARELLOS DE ÓPTICA, FOTOGRAFÍA OU CINEMATOGRAFÍA, DE MEDIDA, DE CONTROL OU DE PRECISIÓN; INSTRUMENTOS E APARELLOS MÉDICO-CIRÚRXICOS; RELOXERÍA; INSTRUMENTOS DE MÚSICA; PARTES E ACCESORIOS DESTES INSTRUMENTOS OU APARELLOS
XIX ARMAS E MUNICIÓNS, AS SÚAS PARTES E ACCESORIOS
XX MERCADORÍAS E PRODUTOS DIVERSOS
XXI OBXECTOS DE ARTE, DE COLECCIÓN OU DE ANTIGÜIDADE
XXII NON CLASIFICADOS

Cifras totais de Comercio Exterior e Intracomunitario por  Producto/Cifras totais de Comercio Exterior e Intracomunitario (Cifras ano 2016. Valor en Porcentaxe)

Fonte: IGE a partir datos Departamento de Aduanas da Agencia Estatal de Administración Tributaria
Data da consulta 23/11/2017