15 Feb 2017 Presentación Observatorio, Comarcas Carballiño e O Ribeiro

A comarca do Carballiño consolida os 8.000 empregos e refórzase como o segundo mercado laboral máis amplo da provincia

No último ano creou un 2,1% máis de afiliacións, 0,6 puntos porcentuais por encima da media provincial.

Desde comezos de 2011, pechou 16 trimestres contabilizando máis traballadores afiliados que Valdeorras, grazas a contar cun modelo produtivo máis diversificado.

O municipio do Carballiño foi en 2016 a cabeceira comarcal da provincia con máis forte ritmo de creación de emprego, cun 3,1% de incremento.

A perda de poboación no rural fixo que O Ribeiro fóra a única comarca ourensá que perdeu afiliados no cómputo anual.

O estudo das afiliacións en función do municipio no que está a conta de cotización das empresas e dos centros de traballo -excluíndo factores demográficos- sinala que o ano pasado houbo rexeneración laboral en Carballiño e no Ribeiro.

Desde a variable do número de postos de traballo locais, 14 dos 19 concellos destas dúas comarcas crearon emprego neto en 2016.

Entre 2015 e 2016, Carballiño perdeu un 1,5% de poboación e O Ribeiro un 1,6%.

En Carballiño hai 365 maiores de 65 anos por cada 100 menores de 16 anos, mentres que no Ribeiro esa equivalencia dispárase ata 498. 

 

Por segundo ano consecutivo, a comarca do Carballiño pechou o exercicio contabilizando máis de 8.000 afiliacións e achégase aos niveis que presentaba en 2011. No último ano xerou un 2,1% de emprego neto, 0,6 puntos porcentuais por encima da media provincial (1,5%). Deste xeito, está entre as catro zonas da provincia -xunto coa Baixa Limia, Viana e Terra de Trives- nas que a rexeneración laboral avanza a máis forte ritmo e foi a segunda en impulsar o maior número de postos de traballo en 2016, só por detrás da comarca de Ourense.

Carballiño, que sostén o 8,2% de todo o emprego ourensán, afiánzase ademais como o segundo mercado de traballo máis dimensionado, con lixeira vantaxe sobre Valdeorras. Nos seis últimos anos, desde comezos de 2011, pechou 16 trimestres sumando máis afiliacións que Valdeorras, mentres que en oito trimestres aconteceu o contrario.

En 2016 houbo equilibrio, con dous trimestres de hexemonía para cada comarca. En decembro, as diferenzas eran de 90 afiliacións a prol do mercado laboral carballiñés, que mudou así dous trimestres (o segundo e o terceiro de 2016) en inferioridade. Entre decembro de 2012 e marzo de 2016, Carballiño rexistrou ininterrumpidamente máis afiliacións que Valdeorras. O Observatorio Económico Ourensán constata que o pulo xurde desde dúas estruturas produtivas moi diferentes. Unha delas, a valdeorresa, presenta unha forte especialización sectorial, pola súa dependencia da industria extractiva, e a outra benefíciase dunha maior diversificación e dun moderado desenvolvemento industrial e tecnolóxico.

As afiliacións por municipio de residencia do traballador só baixaron no acumulado de 2016 en dous dos nove concellos da comarca de Carballiño, San Amaro (-4,3%) e San Cristovo de Cea (-0,7%). O resto foron avances, con maior forza para os protagonizados por Punxín (5,2%), Piñor (4,5%), O Carballiño (3,1%) e Maside (2%). De feito, a capitalidade comarcal anotou a máis intensa creación de emprego neto entre as doce cabeceiras da provincia.

Pola súa parte, a comarca do Ribeiro foi a única da provincia en asinar unha taxa de variación negativa das afiliacións en 2016, si ben cun mínimo descenso do 0,4%. Segundo a interpretación do Observatorio, o dato en sí non é ameazante, xa que este mercado local acusa moito a temporalidade nos cuartos trimestres. De feito, en setembro -coincidindo coa fase máis intensiva da viticultura- as afiliacións crecían un 1,6% en taxa interanual. E un ano antes, en decembro de 2015, rexistrábase unha subida do 0,8%.

Para o Observatorio da Deputación, resultan máis inquietantes outros resultados, como a perda da barreira das 5.000 afiliacións a partires de setembro de 2012 ou o feito de presentar taxa de variación interanual de signo negativo en 16 dos últimos 20 trimestres. A finais de 2016 contabilizábanse 4.507 afiliacións, cunha equivalencia do 4,5% sobre o emprego total da provincia de Ourense.

Só tres dos nove municipios do Ribeiro saldaron o ano 2016 con alzas nas afiliacións. Acompañaron á cabeceira, Ribadavia, que logrou un repunte do 0,4%, os concellos de Carballeda de Avia (5,7%) e Melón (5,4%), que figuran agora mesmo entre os dez da provincia con maior ritmo de creación de emprego neto. Sen embargo, cinco municipios sufriron perdas no último ano, en especial Leiro (-7,3%), Arnoia (-4,4%) e Castrelo de Miño (-4,1%).

Afiliados por conta de cotización

A análise das afiliacións tendo en conta o concello no que teñen a conta de cotización as empresas e os centros de traballo ratifica a axeitada recuperación que está a vivir o mercado laboral da comarca de Carballiño. No último ano, as empresas aquí instaladas xeraron 291 empregos netos. Desde esta variable, a creación de postos resulta superior á que mide o Observatorio desde a variable do domicilio de residencia do traballador: 4,8% de incremento según a conta de cotización da empresa (excluíndo os factores demográficos) e 2,1% desde o enfoque do lugar de residencia do afiliado.

O municipio do Carballiño crea as dúas terceiras partes do novo emprego que xurde na comarca, con 199 afiliacións netas de incremento no último ano, o que representa unha subida interanual do 5,1%. Cabe salientar ademais que todos os concellos, agás Boborás, que conservou emprego, viron crecer o número de afiliacións en función da ubicación do centro de traballo. Nas zonas rurais destacaron as contribucións de Piñor, Maside, Boborás e O Irixo en novo emprego.

Mentres, as conclusións que recolle o Observatorio para O Ribeiro desde o enfoque das afiliacións por lugar de residencia tamén se ven reforzadas ao engadir o estudo en función do emprego que xeran as empresas e os centros de traballo locais. Con esta segunda interpretación, a situación da comarca mellora de xeito considerable. Obsérvase en primeiro lugar que o conxunto da comarca convértese en xeradora de emprego, cunha creación neta de 51 empregos en 2016 e un avance do 1,6%, fronte ao -0,4% que sinalan as afiliacións por concello de residencia do traballador.

Ribadavia impulsou 50 afiliacións netas no acumulado do ano, cun repunte do 3,8%. As outras tres contribucións máis significativas foron as de Carballeda de Avia, Beade e Avión, mentres que os maiores descensos déronse nas empresas e centros de traballo de Arnoia e Castrelo de Miño. En total, seis municipios tiraron do emprego en positivo e catro perderon afiliacións, pero de xeito feble ou moderado.

Entre a comarca de Carballiño e a do Ribeiro aportan 14 dos 58 concellos da provincia que aumentaron en 2016 o número de afiliacións desde a variable do lugar da conta de cotización do traballor (en función do empadroamento do cotizante houbo subidas de afiliados en 53 municipios ourensáns).

Por outra banda, ambas comarcas contribuíron ao descenso xeralizado do paro no conxunto da provincia durante o ano pasado. En Carballiño a taxa de variación interanual situou unha baixada do 14,6% e no Ribeiro do 8%. Ao actualizar os datos ata xaneiro de 2017, os decensos quedan fixados no 13,4% e no 8,4%, respectivamente.

Nengún concello destas dúas comarcas rexistrou subida do paro no cómputo anual. Só estiveron preto de facelo os tres municipios da zona (Punxín, Cenlle e Arnoia) que repetiron estatística de número de parados. En Carballiño cumpre  subliñar que todos os descensos, coa única excepción de Maside (-7,9%) foron a dobre díxito. Nos casos de Beariz e O Irixo achegáronse ao 30%. Na cabeceira de comarca houbo unha redución do 13,5%. No Ribeiro superaron o 10% de baixada Beade (-31%), Melón (-18,5%) e Carballeda de Avia (-11%), mentres que Ribadavia achegouse moito a ese nivel (-9,4%).

Baixada poboacional

A poboación das comarcas de Carballiño e O Ribeiro, que representa preto do 14%  do total da provincia, ven acusando descensos nos últimos anos, máis acentuados no caso do Ribeiro. A unidade comarcal do Carballiño tiña 27.108 habitantes a 1 de xaneiro de 2016, un 1,47% menos que na mesma data de 2015. Esta redución é lixeiramente superior ao decrecemento poboacional medio da provincia: -1,1%. Pero si estendemos a comparativa ata o ano 2000, o descenso poboacional é do 10,96%.

Nesta comarca, onde reside o 8,6% da poboación provincial, a baixada no número de residentes ten como consecuencia unha perda de peso relativo no conxunto de Ourense: 0,16 puntos porcentuais en comparación co ano 2010 e 0,21 puntos fronte ao 2000.

Cunha idade media de 51,6 anos, o alto grao de envellecemento fai que por cada 100 menores de 16 anos haxa na comarca 368 residentes con 65 ou máis anos. Na cabeceira comarcal, O Carballiño, cunha poboación de 14.031 habitantes en xaneiro de 2016, concéntrase o 51,3% da poboación comarcal. Trátase do único concello que amplía o seu peso relativo a nivel local: no ano 2000 representaba o 40,8% e no 2010 o 48,1%.

A fenda demográfica resulta aínda máis acentuada na comarca do Ribeiro. A 1 de xaneiro de 2016 rexistraba unha poboación de 16.547 habitantes, cun retroceso interanual do 1,61%. A caída chega ata o 13,24% na comparativa co ano 2010 e ao 20,89% respecto ao 2000. Nesta comarca reside o 5,26% da poboación ourensá. O seu peso demográfico no conxunto da provincia baixou 0,43 puntos porcentuais fronte ao que ostentaba no ano 2010 e en 0,80 puntos fronte ao do 2000. Cunha idade media de 54 anos, a taxa de envellecemento está en 497,90.

O Ribeiro presenta un grao de concentración poboacional na súa cabeceira comarcal claramente inferior ao da comarca de Carballiño. Ribadavia ten un peso relativo do 30,6%, só 1,84 puntos máis que no ano 2010 e 4,29 puntos de alza con respecto ao ano 2000. Pero neste caso, de xeito contrario ao que pasa na área de Carballiño,  catro concellos -ademáis da cabeceira comarcal- incrementan o seu peso específico, e fano tanto na comparativa con 2000 como con 2010: Arnoia, Carballeda de Avia, Leiro e Melón.