Presentación Observatorio Económico Comarcas Valdeorras e Terras de Trives

21 Feb 2017 Presentación Observatorio Económico Comarcas Valdeorras e Terras de Trives

Valdeorras creou un 4% de emprego neto en dous anos e está a punto de recuperar os niveis de 2011

Pechou 2016 por encima das 8.000 afiliacións, logro que non se producía desde 2011.

Impulsa o 8,1% dos postos de traballo existentes na provincia, practicamente a mesma proporción que presentaba hai cinco anos (8,3%).

Catro dos nove concellos valdeorreses son actualmente xeradores de emprego, con Petín e A Rúa á cabeza.

A comarca de Trives creou un 2,3% de emprego neto no cómputo de 2016, a terceira mellor marca da provincia.

Nesta área as evolucións máis salientables por concellos danse en San Xoán de Río, cun incremento do 10,4%, e en Pobra de Trives, cun auxe do 4%, o rexistro de liderado entre as doce cabeceiras de comarca ourensás.

Na nova medición que introduce o Observatorio Económico, o das afiliacións segundo a conta de cotización dos centros de traballo -excluíndo os factores demográficos-, A Veiga (14,5%),  O Bolo (9%), A Rúa (4,2%) e Pobra de Trives (4,1%) encabezaron a creación de novos empregos en 2016.

Valdeorras é xunto coa comarca de Ourense a única en presentar unha idade media da poboación inferior aos 50 anos.

Trives case triplica a taxa de envellecemento existente en Valdeorras, ao ter unha proporción de 647 maiores de 64 anos por cada cen menores de 16 anos.

Desde que se instalou a rexeneración laboral na provincia de Ourense, no primeiro trimestre de 2014, o mercado de traballo de Valdeorras acumula unha creación neta de emprego do 3,9%, co que pasa a formar parte das catro áreas ourensás con maior velocidade de recuperación, a un ritmo anualizado do 2%. As 8.079 afiliacións que contabilizaba a finais de 2016 constitúen ademais o primeiro peche anual desde 2011 no que supera a barreira dos 8.000 empregos.

Valdeorras comparte coa maior parte dos mercados ourensáns o crecemento do emprego no terceiro trimestre de cada ano, coincidindo coas contratacións do verán. No seu caso, as oscilacións intertrimestrais chegan a superar o 5%. Desde 2011 sempre pechou os terceiros trimestres sen ceder o chanzo das 8.000 afiliacións.

A comarca xera actualmente o 8,1% de todo o emprego ourensán. Hai cinco anos movíase practicamente na mesma proporción (8,3%), o que significa que está a ter protagonismo na rexeneración económica e que a perda poboacional non debilitou o seu mercado laboral en comparación co conxunto da provincia.

Catro dos nove concellos valdeorreses impulsaron emprego neto no cómputo de 2016. A mellor marca porcentual correspondeu a Petín, cun auxe do 9,9%, o terceiro mellor rexistro entre os 92 municipios da provincia. Sen embargo, a análise que realiza o Observatorio Económico da Deputación revela que ese crecemento non está relacionado cun repunte do emprego entre os centros de traballo existentes no propio municipio -en 2016 houbo unha diminución do 12,7%, con 16 afiliacións menos-, senón que se atribúe ás contratacións logradas noutros concellos polos residentes en Petín.

En termos absolutos, O Barco de Valdeorras e A Rúa foron os principais impulsores de novo emprego durante o ano pasado, cun saldo conxunto de 150 afiliacións netas. A cabeceira comarcal asinou un crecemento interanual do 1,9% e A Rúa do 4,2%. Tamén houbo subida en Larouco (2,5%). Pola súa banda, A Veiga repetiu peche anual de afiliacións (244). Mentres, todos os descensos foron febles ou moderados, e oscilaron entre o -0,2% de Vilamartín de Valdeorras e o -1,7% de Rubiá.

O Barco de Valdeorras concentra o 56,2% do emprego comarcal, case dous puntos porcentuais máis que a comezos de 2011 (54,4%).

Xa na comarca veciña de Trives, O Observatorio Económico sinala un crecemento neto do emprego que acadou o 2,3% en 2016 -terceiro ritmo máis forte entre as 12 comarcas ourensás-, cun diferencial positivo de 0,8 puntos porcentuais sobre a media provincial (1,5%). No acumulado dos dous últimos anos (subida do 2,7%) a posición de vangarda de Trives cae ata postos intermedios na comparativa provincial.

Entre 2012 e 2016, a principal característica deste mercado laboral foi a estabilidade; o cómputo anual das afiliacións moveuse sempre nun rango inferior a 30 de variación. A comarca ten un peso relativo do 1,38% sobre o total do emprego ourensán, a segunda ponderacións máis feble, só con vantaxe sobre Terra de Caldelas (0,9%). A boa nova é que a pesares do descenso poboacional, o peso relativo de Trives non empeorou en comparación con 2011 (1,39%).

Por concellos aprécianse fortes contrastes na evolución das afiliacións. Así, mentres San Xoán de Río anotou en 2016 un alza do 10,4% e Pobra de Trives liderou as subidas entre todas as cabeceiras comarcais cun repunte do 4%, Manzaneda perdeu o 3,6% e Chandrexa de Queixa o 0,6%. A ponderación de Pobra de Trives sobre o total comarcal está no 53,3%.

Pulo na Rúa e na Veiga

Co novo enfoque que engade o Observatorio nesta oitava edición, centrado nas afiliacións tendo en conta o lugar no que se atopa a conta de cotización das empresas e dos centros de traballo -é dicir, con independencia do empadroamento do traballador-, A Rúa, A Veiga e Pobra de Trives son claramente os motores do novo emprego nestas dúas comarcas.

En Valdeorras, A Rúa foi quen de pechar 2016 cunha creación neta de 51 empregos, co que o seu mercado local medrou nun 4,2%, e A Veiga xerou 32, cunha impoñente taxa de variación interanual do 14,5%, no que o Observatorio Económico interpreta como a mellor confirmación das posibilidades reais do turismo de natureza e do aproveitamento dos recursos naturais. O Bolo sumouse ás subidas, ao engadir un 9% de novo emprego no último ano.  En senso contrario, os centros do Barco de Valdeorras perderon 40 afiliacións netas (descenso do 1,1%). O saldo conxunto da comarca é dunha lixeira subida do 0,6%.

En Terras de Trives salientan os 20 empregos netos creados por Pobra de Trives (incremento do 4,1%). O contrapunto estivo nos 11 postos (-5,3% do total) que perdeu Manzaneda. O balanzo comarcal é dunha recuperación laboral do 1,9%.

Desde outra variable, a análise sobre a evolución do paro comeza por identificar Valdeorras como a única comarca ourensá, xunto con Terra de Caldelas, que principiou 2017 restando parados. En 2016 anotou un recorte do 10,3%, pero grazas á baixada de xaneiro, neste mes a taxa interanual avanzou ata o -13%. O ano pasado houbo descensos en todos os concellos agás en Petín (4,3%), con cinco baixadas a dobre díxito, lideradas por Carballeda de Valdeorras (-21,7%) e A Rúa (-19,2%). Tamén destacou a boa evolución do paro no Barco de Valdeorras (-12,7%).

Trives logra un recorte interanual do paro superior ao 16%, e ademais faino con descensos a dobre díxito nos seus catro concellos.

Menos envellecemento en Valdeorras

A poboación da comarca do Valdeorras situábase nos 26.531 habitantes a 1 de xaneiro de 2016, cun retroceso interanual do 0,86% (0,25 puntos por debaixo do decrecemento poboacional observado no conxunto da provincia). Na comparativa co ano 2000, o descenso é do 8,68%, fronte ao 8,80% provincial. A comarca valdeorresa, na que reside o 8,43 % da poboación provincial, mantén practicamente o peso relativo que tiña en termos poboacionais no ano 2000.

Cunha idade media de 48,5 anos, Valdeorras é xunto coa comarca de Ourense a única da provincia que baixa dos 50 anos. A taxa de envellecemento presenta unha relación de 258 habitantes de 65 ou máis anos por cada 100 menores de 16 anos.

Na cabeceira comarcal, O Barco de Valdeorras, cunha poboación de 13.761 habitantes en xaneiro de 2016, localízase o 51,3% do total da comarca. É o único concello que amplía o seu peso relativo en termos da poboación comarcal. No ano 2000 concentraba o 43,95% e no 2010 o 48,07%.

Polo que respecta a Terras de Trives, o descenso poboacional é significativamente máis marcado. A 1 de xaneiro do 2016 contabilizaba 4.227 habitantes, cun retroceso interanual do 2,78%. A fenda chega ata o 22,49% se facemos a comparación coa poboación existente no ano 2000. Nesta comarca reside o 1,34% da poboación ourensá. O seu peso demográfico sobre o conxunto da provincia baixou 1,01 puntos desde o ano 2000.

Cunha idade media de 55,8 anos, a taxa de envellecemento (relación entre a poboación de máis de 65 anos e a de menos de 16) dispárase ata 646,60.

Terras de Trives presenta un grao de concentración na súa cabeceira comarcal case idéntico ao que se observa en Valdeorras. O municipio de Pobra de Trives absorbe o 51,83% da poboación da comarca, fronte ao 47,71% que rexistraba no ano 2000. A cabeceira e o concello de Manzaneda gañaron peso relativo poboacional no período 2000-2010.