Presentación Observatorio Económico, Comarcas A Baixa Limia, A Limia e Terras de Celanova.

22 Feb 2017 Presentación Observatorio Económico, Comarcas A Baixa Limia, A Limia e Terras de Celanova.

Terra de Celanova e A Baixa Limia pasaron de estar entre as comarcas máis castigadas pola crise a liderar a rexeneración laboral

O mercado de traballo da Baixa Limia medrou un 3,5% no último ano, o mellor rexistro comarcal e a dobre velocidade que a media da provincia, e o de Terra de Celanova repuntou un 1,7%.

Na fase máis intensa das recesións económicas ambas comarcas figuraban entre as tres zonas da provincia con maior destrución de emprego.

A Limia, aínda que conta con sete concellos xeradores de emprego, non conseguíu engancharse polo de agora ao ritmo medio de recuperación de postos de traballo no conxunto da provincia, aínda que avanza o 1,1%.

A comarca de Celanova consolidará os 5.000 empregos locais a partires do segundo semestre de 2018.

Entre A Limia, Terra de Celanova e A Baixa Limia aportan dez dos 53 concellos ourensáns que presentaron creación neta de emprego en 2016.

Co novo enfoque do Observatorio baseado nas afiliacións por conta de cotización, as empresas e centros de traballo da Baixa Limia xeraron un 6,7% de novo emprego, os da Limia un 2,3% e os de Terra de Celanova un 1,4%.

Desde esa variable, as tres comarcas aceleran o paso da recuperación, ao achegar 19 dos 58 concellos ourensáns -a terceira parte- que ampliaron os seus respectivos mercados de traballo locais en 2016.

A fenda demográfica do rural levou á Baixa Limia a perder o 29,4% da súa poboación entre os anos 2000 e 2016, a Terra de Celanova un 22,5% e á Limia un 16,3%. 

O dato illado de 2016 xa reflicte un descenso anual do 3,8% na Baixa Limia, do 2,3% en Terra de Celanova e do 1,9% na Limia.   

O Observatorio Económico Ourensán identifica a Terra de Celanova e á Baixa Limia como dous claros exemplos de territorios que están a rendabilizar a rexeneración económica e laboral. Na fase máis intensa da crise, entre 2011 e 2013, a comarca de Celanova foi a segunda que perdeu máis emprego, en concreto o 10% nese bienio, só superada nesta desfavorable estatística polo Ribeiro (-10,6%). Mentres, A Baixa Limia figuraba daquela como a terceira comarca máis castigada.

Sen embargo, no actual ciclo de rexeneración laboral a situación mudou drasticamente. Tanto Terra de Celanova como A Baixa Limia están entre os principais axentes da reactivación laboral, ata o punto de que a segunda destas comarcas liderou en 2016 a creación neta de emprego na provincia, cun auxe do 3,5%, a máis do dobre de velocidade que a media ourensá (1,5%).

Pola súa banda, Terra de Celanova ampliou o seu mercado laboral nun 1,7% no último ano -a un ritmo casi idéntico ao da comarca de Ourense- e nun 3,6% na actual fase de rexeneración, desde mediados de 2014. As proxeccións do Observatorio anticipan que cando arranque o segundo semestre de 2018, esta comarca terá afianzado de novo os 5.000 empregos, chanzo do que permanece alonxada desde o cuarto trimestre de 2012.

Desde o nivel municipal, seis concellos celanoveses foron xeradores de emprego neto en 2016, entre eles o de Celanova, que se convertiu na cuarta mellor cabeceira comarcal da provincia, cunha subida do 2,8%. As alzas aínda foron maiores en Ramirás (4,2%) e A Bola (3,4%). Os catro descensos rexistrados oscilaron entre o -2,3% de Pontedeva e o -0,8% que compartiron Quintela de Leirado e A Merca. No seu conxunto, Terra de Celanova sostén o 4,8% do emprego total da provincia.

No caso da Baixa Limia, e a pesares de ser a segunda comarca ourensá que está a rexenerar emprego a máis forte ritmo desde o inicio da recuperación, o Observatorio detecta que aínda precisará tres anos completos para que o seu mercado de traballo local retorne á dimensión que tiña en 2011, cando cedera a barreira das 2.000 afiliacións.

Entre os seus concellos só un perdeu emprego o ano pasado, pero dase a circunstancia de que é a súa cabeceira comarcal, feito que non se produce en nengunha outra parte da provincia. En 2016, Bande acortou o seu mercado laboral nun 1,2%, en contraste co 8,1% de ampliación en Entrimo, co 5,5% de Muiños e co 4,2% de Lobios. Mentres, Lobeira conservou o número de empregos (preto de 200) do ano anterior.

O leve retroceso de Bande non lastra ao conxunto da comarca, xa que o seu peso relativo sobre o total do emprego comarcal limítase ao 22,4%, con moita diferencia a ponderación máis baixa de toda a provincia. As seguintes capitalidades locais con menor peso relativo sobre o emprego comarcal son precisamente Celanova (35,6%) e Ribadavia (37%). Polo contrario, os maiores índices de concentración danse no municipio de Ourense (71,9%), en Verín (57,8%) e no Carballiño (57%).

Menos celeridade na Limia

Na comarca da Limia, a rexeneración de emprego transita agora mesmo a unha velocidade anual do 1,1%, casi medio punto porcentual por debaixo da media da provincia. E no acumulado da recuperación económica, o avance está no 1,8%, cando a media ourensá supera lixeiramente o 4%. Neste caso, as proxeccións do Observatorio deixan a unha distancia de cinco anualidades a reconquista dos 6.500 empregos existentes no ano 2011.

E todo a pesares de que sete dos seus once concellos están a crear emprego neto e de que dous deles teñen praza no ranking dos dez grandes xeradores laborais da provincia. De feito, o municipio de Baltar foi en 2016 o de maior crecemento do emprego (14,5% no acumulado do ano) de toda a provincia. E Porqueira (6,1%) ocupou o sexto posto. A Limia aportou a sexta parte dos xeradores ourensás que superaron o 5% de crecemento, nivel ao que tamén se achegaron Trasmiras (4,8%) e Sandiás (4,5%).

Pero a diferencia do que acontece na Baixa Limia, co escaso contaxio da cabeceira comarcal, aquí sí que penaliza o suave ritmo de recuperación que se está a producir no municipio de Xinzo de Limia. O ano pasado impulsou un 0,8% de novo emprego (terceiro rexistro máis baixo entre as cabeceiras ourensás), froito dun saldo de só 20 afiliacións máis que ao peche de 2015. Con 3.218 afiliacións, Xinzo de Limia concentra o 52,3% de todo o emprego da comarca. As evolucións negativas do último ano corresponderon a Vilar de Barrio (-9,2%), Calvos de Randín (-3,8%) e Os Blancos (-2,9%).

Entre as tres unidades comarcais deste estudo -Terra de Celanova, A Baixa Limia e A Limia- achegan dez dos 53 concellos da provincia que foron xeradores de postos de traballo netos no cómputo de 2016.

Puxanza nas empresas

Ao analizar as afiliacións desde a variable do lugar no que está a conta de cotización das empresas e dos centros de traballo, como reforzo da habitual medición segundo o empadroamento do traballador, a rexeneración laboral faise aínda máis intensa e xeralizada nas tres comarcas do suroeste ourensán, en especial na Baixa Limia e na Limia. As empresas e os centros de traballo radicados na Baixa Limia crearon un 6,7% de emprego neto en 2016, os da Limia un 2,3% e os de Terra de Celanova un 1,4%.

Na Baixa Limia os seus cinco concellos fan pleno, con incrementos moi significativos en Lobeira (19,2%), concello que en 2016 pasou a contar con 14 empregos máis que os que presentaba en 2015; en Lobios (8,3%), cun diferencial positivo de 21 afiliacións; e en Muiños (7,9%), con 12 empregos máis. Desde esta variable, Bande tamén foi xerador de emprego no cómputo de 2016, cun saldo neto de 9 empregos (subida do 3,9%), o que suaviza o descenso rexistrado na estatística das afiliacións dos residentes no municipio.

Na Limia repítense os datos (igual que nas afiliacións por empadroamento) de sete concellos con creación de emprego local, un con mantemento e tres con descenso, pero cambian algúns actores. Porqueira impulsou un 48,7% de emprego neto (presenta 38 postos máis que hai un ano) e Baltar un 11% (15 empregos máis). As demais alzas son máis contidas e van desde o 1,2% de Calvos de Randín ata o 3,8% de Xinzo de Limia, cabeceira que saldou 2016 con 100 empregos máis. No lado das baixadas, Vilar de Barrio perdeu 48 afiliacións locais (caída do 16,1%), Os Blancos 18 (-13,3%) e Trasmiras cedeu tres (-1,4%). Non houbo variación en Sandiás, que conserva 241 empregos.

En Terra de Celanova tamén se localizan sete xeradores de emprego e tres concellos con perda neta. Entre os primeiros sobresaen A Bola (12,5%) e Verea (6,1%), mentres que a cabeceira comarcal sumou 36 afiliacións máis que hai un ano (repunte do 2,7%). As diminucións afectaron a Padrenda, con 23 empregos menos (-9,6%); a Ramirás, cun descenso de oito (-3,9%); e a Quintela de Leirado, con dous de baixada (-3,3%).

Noutra das análises do Observatorio, á da evolución do paro, as tres comarcas aceleraron a forte ritmo as reducións durante 2016. En comparación coa taxa de variación interanual existente en decembro de 2015, nun ano A Limia pasou dunha diminución do 1,3% á actual do 12,9%, A Baixa Limia do -9% ao -20,2% e Terra de Celanova do -7,8% ao -11,6%.

Esas notabeis mellorías danse a pesar de que as cabeceiras comarcais están entre as catro da provincia que reduxeron menos paro en 2016. Aos concellos de Celanova (-5%), Bande (-7,8%) e Xinzo de Limia (-8,1%) acompáñaos nesta estatística Verín, que anota a baixada máis suave (-4,5%) entre as doce cabeceiras.

Na Limia houbo descensos en todos os concellos agás en Vilar de Barrio, onde repuntou un 4,1%, co mérito engadido de que oito dos once municipios conquistaron o dobre díxito. Salientan as diminucións do paro en Porqueira (-31,2%) e en Calvos de Randín (-31,1%).

Terra de Celanova tamén estivo a un só concello de lograr o pleno de baixadas, pero no seu caso non se rexistrou nengún repunte do paro; a única excepción aos descensos foi Pontedeva, que repetiu as cifras de 2015. Sete dos recortes municipais superaron o 10%. E dous concellos mesmo triplicaron ese nivel: Verea (-28,6%) e A Bola (-27,8%).

Pola súa banda, A Baixa Limia sí que logrou o pleno de caídas do paro interanual, lideradas por Muiños (-35,4%) e Lobeira (-27,9%). Só Bande (-7,8%) estivo por debaixo do dobre díxito.

Caídas de poboación

Terra de Celanova, A Baixa Limia e A Limia están entre as comarcas que se viron máis castigadas pola perda de poboación en 2016. A primeira tiña 17.960 habitantes a 1 de xaneiro de 2016, un 2,22% menos que na mesma data de 2015. Na comparativa máis longa, perde o 22,49% desde o ano 2000.

Nesta comarca reside o 5,7% da poboación provincial. Terra de Celanova ven sufrindo perda de peso relativo sobre o total da provincia. Cedeu 0,51 puntos desde o 2010 e 1,45 en comparación co 2000. Cunha idade media de 55,8 anos, o alto grao de envellecemento fai que haxa 631 residentes maiores de 64 anos por cada 100 menores de 16.

Os 5.508 habitantes que residen na capitalidade local representan o 30,6% do total da comarca. O peso relativo do concello de Celanova medrou preto de cinco puntos desde o ano 2000. Outros municipios como A Bola, A Merca e Pontedeva tamén viron aumentar o seu peso relativo comarcal.

Na Baixa Limia a poboación sitúase nos 7.126 habitantes (a 1 de xaneiro de 2016), cun retroceso do 3,82% no último ano e do 29,4% desde o 2000. Nesta comarca reside o 2,26% da poboación provincial. O seu peso en termos demográficos no conxunto da provincia ten diminuído en 0,66 puntos fronte ao que presentaba no ano 2010. Cunha idade media de 57,2 anos, a taxa de envellecemento é de 888,90, a segunda máis elevada da provincia.

Todos os seus concellos perderon poboación no ano 2016 respecto ao 2010 e 2000. A cabaceira comarcal ve como tamén caeu o seu peso específico no conxunto da poboación comarcal: supón o 23,41% do total fronte o 25,78% que acadaba no ano 2000. Pola contra, Muiños e Entrimo incrementaron o seu peso relativo, ata acadar os actuais niveis do 20,23% e 14,60%, respectivamente.

Mentres, os 21.111 habitantes da Limia (a 1 de xaneiro de 2016) reflicten un decrecemento do 1,92% nun ano e do 16,33% desde o 2000. O seu peso relativo na poboación provincial baixa ata o 6,71% (0,6 puntos menos que no 2000). A idade media dos residentes na comarca é de 52,5 anos, cunha taxa de envellecemento de 407,20, a menor das tres comarcas do suroeste de Ourense.

Con 10.004 habitantes, o concello de Xinzo concentra o 47,39% da poboación da comarca. É o único municipio da Limia que incrementa o seu peso relativo poboacional en comparación co que tiña no ano 2000 (38,04%).