Evolución Mensual Balanza Comercial

O comercio exterior ourensán neutralizou en novembro (últimos datos dispoñibles) a ralentización que experimentara no mes anterior e volve a situar a taxa de cobertura na zona de máximos anuais, cun 178,4%, moi preto do teito anual do 179% logrado en setembro. No segundo semestre de 2016 hai un claro reforzamento do sector exterior ourensán, como demostra o dato de que a taxa de cobertura se mantivera mes a mes por encima do 170%, agás en xullo (151%). En comparación con novembro de 2015 (158%), a citada taxa mellora en 20,5 puntos porcentuais.
As expedicións das empresas ourensás sumaron en novembro 75,96 millones de euros, 9,4 millóns máis que en outubro. Pola súa parte, as importacións acadaron un valor de 42,6 millóns, o que equivale a unha subida intermensual de 4,1 millóns. Na comparativa co mesmo mes do ano anterior, as exportacións rexistraron un alza do 22,9% e as importacións do 8,9%.Cabe salientar que o repunte de novembro nas vendas ao exterior fai posible que o volume acumulado ao longo do ano (de xaneiro a novembro de 2016) acade un nivel moi parello ao do mesmo período do ano anterior. A diminución limítase ao 0,6%, fronte á desviación do 2,8% existente en outubro. A conta anual dos once meses ascende a 727,25 millóns no capítulo exportador e a 448,23 millóns no importador.
O superávit comercial da economía ourensá elévase agora mesmo a 279,02 millóns de euros, froito do intenso grao de internacionalización das empresas da provincia. Hai un ano, o superávit era ainda máis xeneroso (335,4 millóns), xa que as importacións foron máis cativas no exercicio pasado. En novembro houbo un superávit mensual de 33,4 millóns, fronte aos 28,1 millóns de outubro.

Cifras totais de Comercio Exterior e Intracomunitario.

Unidades: miles de euros

Fonte: IGE a partir datos Departamento de Aduanas
Data da consulta 20/02/2017